18 Mai Sandra González chama a votar polo “Tomiño da xestión e do cambio” o próximo 26 de maio
A candidata do BNG á Alcaldía de Tomiño estivo acompañada no mitin central da campaña pola eurodeputada Ana Miranda, a portavoz nacional do BNG Ana Pontón e o número 2 da candidatura Uxío Benítez
Presentou ante un ateigado Auditorio de Goián un programa de 15 puntos para “un proxecto de futuro”
Un exemplo de que o cambio é posible. Iso é Tomiño, unha vila que espertou da “longa noite de pedra” que estaba a vivir para “vivir unha primavera marabillosa” dende que o Bloque Nacionalista Galego, con Sandra González á cabeza, chegou a Alcaldía hai 12 anos. “Soñamos xuntos e convertemos ese soño nunha realidade. Transformamos Tomiño e abrimos un novo tempo no que se fixeron centos de cousas. Somos conscientes de que aínda queda moito por facer, por iso temos un equipo cheo de ilusión e renovado que combina a experiencia coa sabia nova” co que afrontar os retos de futuro, porque “somos traballo, proxectos e a transformación para Tomiño”, salientou González ante un ateigado Auditorio de Goián.
No mitin central de campaña, González animou aos veciños e veciñas a acudir ás urnas o vindeiro 26 de maio e a votar polo “concello da xestión e do cambio, que conseguimos captar 4 millóns de euros que sairán a licitación para próximas obras”, por un goberno “cun sólido proxecto de futuro no que queremos seguir traballando”.
Un programa en 15 puntos
Un programa en 15 puntos no que se recollen aspectos tan fundamentais para o futuro de Tomiño como a transformación dos cascos urbanos das parroquias, coa Praza do Seixo e a nova avenida do Baixo Miño como exemplo de implementación, sacando o tráfico e facendo espazos para as persoas e como ocorrerá tamén co proxecto +Goián. A construción da Biblioteca, “un lugar de creatividade e mocidade no que levamos traballando xa dous anos, preguntando á veciñanza, consultando con expertos” ou programas específicos para ter un concello “dos nenos e das nenas e polos que recibimos o selo de Cidade Amiga da Infancia de UNICEF”.
Sen esquecer as axudas sociais porque “o concello é a administración máis próxima aos veciños, a primeira porta á que petar cando hai un problema, e por iso duplicamos pasando dos 400.000 aos 800.000 euros o investimento en benestar social, porque queremos ser o concello das persoas, porque temos instalacións para iso grazas á nosa pelexa constante”, recalcou González.
As traídas de augas e a “labor fundamental que están facendo suplindo á administración”; o saneamento, campo no que “fixemos o dobre na metade de tempo, incluso tendo que refacer o que deixaron mal feito” e no que “buscaremos novas alternativas viables para todo o concello. O que di que pode levarse a todo o concello minte, ratificado por Augas de Galicia e a propia Xunta”. A Eurocidade Cerveira-Tomiño como “instrumento para conseguir novos fondos porque en Europa neste momento priorízanse as fronteiras”, un novo modelo de xestión do lixo máis ecolóxico e “adaptado ás estrictas normativas europeas” e unha clara aposta por potenciar o sector agrario coa creación dun Centro de Iniciativas Agrarias ou dunha zona loxística municipal para o establecemento de pequenas e medianas empresas son algunhas destas propostas.
“O 26 de maio nós chegamnos cos deberes feitos, co orgullo de ter transformado Tomiño e cun equipo cheo de ilusión. Estamos convencidos de que con este traballo en Tomiño o mellor está por vir”, destacou Sandra González.
Con Ana Miranda e Ana Pontón
A eurodeputada do BNG Ana Miranda quixo acompañar á candidata á alcaldía de Tomiño e resaltar que conseguiu transformar a Tomiño nun “concello que medra, se desenvolve, que inspira optimismo, con proxectos exemplares. Tomiño é un exemplo evidente de que é posible facer as cousas doutra maneira, con servizos para a xente, cunha economía puxante e cun sector creador de riqueza”.
Ana Pontón, portavoz municipal do BNG, asegurou que o elemento transformador comezou hai 12 anos, deixando “as páxinas máis brillantes da historia de Tomiño da man de Sandra e dun equipo que fixeron de Tomiño unha referente en Galicia”. “Tomiño non é que estea na primeira división, e que é un equipo de Champions e agora é cando hai que darlle maior apoio. Hai que seguir traballando para que o concello siga avanzando e non haxa volta atrás”, salientou.
O número 2 da candidatura, Uxío Benítez, fixo un chamamento a mobilizarse o vindeiro 26 de maio, a participar e a apoiar ao BNG para seguir traballando nese Tomiño que “hoxe é un referente en canto á recuperación de espazos públicos, saneamento, políticas sociais…”. “Temos as cousas claras, sabemos a onde queremos chegar, temos un proxecto para Tomiño e temos a determinación, a valentía e a ilusión para seguir traballando”, recalcou.
