O BNG de Tomiño integra a súa estratexia de turismo nas dúas grandes iniciativas do territorio

O BNG de Tomiño integra a súa estratexia de turismo nas dúas grandes iniciativas do territorio

Forma parte do xeodestino turístico da Xunta e da marca Rio Minho, impulsada pola Deputación de Pontevedra e o CIM ao abeiro do proxecto Visit Minho

Tomiño ofrece natureza e río como valor diferencial, con espazos como a senda do Río Miño, que seguirá crecendo ata conectarse coas ecovías portuguesas

 

O turismo é unha actividade económica complexa que se enfronta á demanda dun mercado cada vez máis esixente, dinámico e influenciable. Consciente desa realidade, o BNG de Tomiño aposta por unha estratexia turística de integración en proxectos que “aglutinen esforzos e xeren un maior fluxo turístico”, sumándose así a unha marcada tendencia a unir territorios empregada a nivel nacional e europeo que busca ofertar packs turísticos máis completos e adaptados ao consumidor aproveitando recursos e servizos.

Dentro desta estratexia, Tomiño xa forma parte das dúas grandes iniciativas turísticas desenvolvidas no territorio:

  • O Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño da Xunta de Galicia, impulsado pola Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste Eu Rural e que aglutina a 14 concellos da provincia de Pontevedra. Busca a realización de actividades de promoción, dinamización e fomento da riqueza e do turismo neste territorio, ademais de poñer en valor o patrimonio e a cultura dos municipios.
  • A marca turística Rio Minho, impulsada ao abeiro do proxecto Visit Minho da Deputación de Pontevedra, da Comunidade Intermunicipal do Alto Minho (CIM) e do Centro de Estudos Euro Rexionais (CEER). En total 16 concellos pontevedreses e 10 lusos que teñen como obxectivo ofrecer un destino turístico transfronteirizo explotando a potencialidade do territorio.

O BNG de Tomiño está convencido da oferta de natureza e río como valor diferencial. Un exemplo claro é a senda do Río Miño, na que se está a traballar e na que se seguirá avanzando e executando fases co obxectivo de chegar ata Tui e de conectarse ás ecovías portuguesas e crear o primeiro parque ibérico transfronteirizo. “O futuro pasa por seguir traballando en colaboración intelixente para desenvolver unha oferta internacional atractiva, coherente e perdurable no tempo que permita situar a Tomiño no mapa turístico en calquera época do ano”, salientan.